Saturday 27 de April de 2024

Aberto o prazo de inscrición para participar na XXI Carreira Popular Concello de Ordes


Terá lugar o vindeiro 11 de setembro. Os atletas poderán apuntarse ata o 7 de setembro a través das páxinas web www.carreirasgalegas.com e www.atletismogalego.org

Ata o 7 de setembro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para todas e todos aqueles que queiran participar na XXI Carreira Popular, a cal terá lugar o vindeiro 11 de setembro durante toda a mañá. Trátase dunha das citas deportivas máis destacadas do municipio, que cada ano congrega a corredores e atletas profesionais e afeccionados de todas as idades. Para poder competir nas carreiras escolares (baby e cadete) hai que apuntarse nas páxinas web www.carreirasgalegas.com e www.atletismogalego.org. As distancias dos percorridos trazados para esta edición van dende os 500 aos 9500 metros.
A organización ten previstos premios en metálico de 150, 100, 80 e 50 € para os tres primeiros clasificados segundo as categorías individuais, clubs federados e grupos do municipio. Tamén haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, así como para os tres primeiros homes e mulleres das carreiras xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos. Ao podio tamén subirán os tres mellores tempos rexistrados polos atletas censados no municipio na proba absoluta, así como os participantes de maior e menor idade que completen o percorrido.
Para o rexistro e a correcta clasificación dos atletas participantes empregarase o sistema de cronometraxe da FGA. As bases desta convocatoria xa se poden consultar na web www.ordes.gal e www.carreirasgalegas.com. Ademais o Concello de Ordes porá á disposición dos participantes un servizo de duchas e vestiarios. Quen finalice o percorrido tamén recibirá avituallamento líquido e unha camiseta conmemorativa do evento.
Para calquera información adicional poden solicitala a través do Departamento de Deportes municipal, ou ben consultar as bases en www.ordes.gal e www.carreirasgalegas.com.
Un ano máis o Concello de Ordes conta coa colaboración de importantes firmas comerciais da zona. Entre elas destacan Infantilandia, Cola Cao, Carnicería Enrique, Seguros Reale, asesoría Jaime Castro, Pazo Bidueiro, Feiraco, Nocilla, Gadis, froitería A Nova e Eurofrut.